domingo, 24 de marzo de 2013

Preferencia Celeste en Sentimento Celeste

Preferencia Celeste é unha das protagonistas do último número de Sentimento Celeste, publicación do Grupo Rainmaker 18, que nesta ocasión fai un número especial de motivación do celtismo, co hashtag #EuSiCreoNoCelta.

Desde esta Peña só queremos agradecerlles que contaran con nós para este número tan especial e lembramos que podedes seguir a Rainmaker 18 no seu Twitter, en Facebook, e por suposto, na súa páxina oficial.

E desde aquí, só nos queda convidarvos á lectura de Sentimento Celeste:

lunes, 18 de marzo de 2013

Coa unión de todos pode lograrse o obxectivo: #Xuntosconseguirémolo

Xuntos Conseguirémolo | Foto: Real Club Celta de Vigo
Desde Preferencia Celeste apoiamos e pedimos a toda os nosos peñistas e siareiros do Celta un esforzo para que entre todos poidamos conseguir o sono tan anhelado de permanecer e consolidarnos na Primeira División.

Apoiamos punto por punto o comunicado publicado onte polo Real Club Celta, que transcribimos a continuación:

"Tras un fin de semana difícil e doloroso, o Real Club Celta insta á súa afección a que pase páxina e mire cara a adiante cunha idea clara: o equipo está a tres puntos da salvación e coa uníón de todos pode alcanzarse o obxectivo.

O club pide ao celtismo que peche filas en torno ao equipo, que necesita máis que nunca o seu apoio par saír adiante e superar unha situación complicada, que de ningunha maneira debe provocar que ninguén baixe os brazos. Ao contrario, agora é cando máis se necesita a unión de todas as partes par seguir loitando até o final polo obxectivo común.

O Real Club Celta pide tamén á súa afección e a toda a contorna que mire cara a adiante e os acontecementos vividos non dividan nin distraian. O club tomará as medidas internas oportunas, pero reclama que se pase páxina e non se carguen as tintas nos erros cometidos, xa que os futbolistas son o patrimonio do club e todo o mundo equivócase nalgunha ocasión e aprende diso, se non no futuro, no que falta, no que realmente lle importa a todos, a salvación. Todos gañamos e todos perdemos, o Real Club Celta somos todos.

O club confía plenamente no equipo e o corpo técnico, en que farán todo o esforzo posible para sumar os puntos necesarios para lograr a permanencia, un obxectivo que está ao alcance, xa que o Real Club Celta segue dependendo de se mesmo e, co apoio da afección, nada é imposible.

Hai posibilidades de lograr o obxectivo, pero pasan de maneira obrigatoria por que a unión persista e o celtismo arroupe, como fixo até agora, ao seu equipo."

Deportivo 3 - 1 Celta (A Crónica)

Oubiña, Valerón e De Lucas | Foto: Cabalar (EFE)
Dolorosa derrota a sufrida á noite do venres, xa de por si dura, por tratarse do eterno rival, pero tamén polas circunstancias acontecidas antes, durante e despois do partido.

Iago Aspas foi expulsado no minuto 28, cando xa perdían os celestes por un gol a cero e, con seguridade esta temprana ausencia pasoulle factura ós nosos. Aínda que, sen as ideas claras, non se lles pode reprochar ós xogadores do Celta que non desen a cara, mesmo cando xa perdían por tres goles.

Queremos pasar páxina desde Preferencia Celeste e pensar nos vindeiros partidos, nos que o Celta se xoga a vida, pero ten tódalas posibilidades de salvación, por mor dos bos resultados (para os nosos intereses) producidos polos equipos que están na parte baixa do taboleiro clasificatorio.

Membros da peña en Riazor | Foto: Preferencia Celeste
O Celta segue penúltimo, con 23 puntos, pero segue a tres puntos da salvación (que marca o Real Zaragoza, 17º, con 26 puntos, quen tamén perdeu esta fin de semana).

Agora, cunha semana de descanso, por mor dos partidos internacionais, agarda a visita do FC Barcelona, o sábado 30 (18:00 horas) no que Balaídos presentará unha inmellorable entrada, pois xa se vendeu todo o papel para este encontro.

Lembrade que #XuntosConseguirémolo

Ficha do partido:

3-RC Deportivo: Aranzubia, Silvio, Marchena, Aythami, Manuel Pablo, Abel Aguilar, Juan Domínguez, Bruno, Pizzi, Valerón (Bergantiños, min. 85) e Riki (Salomao, min. 76).

1-RC Celta: Varas, Jonny, Túñez, Demidov, Roberto Lago, Oubiña, Pranjic, Augusto (Krohn-Dehli, min. 79), De Lucas (Orellana, min. 55), Bermejo (Park min. 68) e Aspas.

Goles:
  • 1-0: Minuto 8. Riki, recolle un centro libre de marca, e sen deixar caer o balón bate a Varas a pracer.
  • 2-0: Minuto 63. Silvio, recolle un balón rexeitado a uns 20 metros e lanza un trallazo que bate a Varas pola escuadra. Gol de belísima factura.
  • 3-0: Minuto 78. Salomâo á contra, bate a Varas pola esquerda do porteiro.
  • 3-1: Minuto 79. Park remata tras un magnífico pase de Krohn-Delhi.

Árbitro: Velasco Carballo, do colexio madrileño. Amonestou a Túñez, Demidov, Kronh-Delhi (polo Celta), Aythami e Pizzi (do Deportivo). Expulsou con vermello directo a Iago Aspas (Celta).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 28 da Liga BBVA, disputado no Estadio Municipal de Riazor de A Coruña, casi cheo, uns 33.000 espectadores, dos que uns 1.000 eran siareiros do Celta.

viernes, 15 de marzo de 2013

Real Club Deportivo - Real Club Celta (A Previa)

Celta e Deportivo en Balaídos no partido de ida. | Foto: Tomás Rodríguez
Estadio Municipal de Riazor (21:45 h.) | Falar dun enfrontamento entre o Real Club Deportivo e do Real Club Celta é falar do PARTIDO EN MAIÚSCULAS. Non hai nada mais que engadir. Volvesen a enfrontar os máximos rivais do fútbol galego en Primeira División despois de cinco anos no coliseo coruñés.

Ámbolos dous equipos chegan a este partido coa máxima das necesidades, ocupando os coruñeses o último posto na táboa clasificatoria, seguido polos vigueses, que está seis puntos por riba. Trátase da primeira vez desde 1944 na que Deportivo e Celta ocupan os derradeiros postos na táboa clasificatoria no momento de disputar o derbi.

O Deportivo, ademáis da satisfacción de vencer ó seu máximo rival, percibe que se atopa diante da derradeira oportunidade para enderezar o seu rumbo no que resta de campaña. Mentres, o Celta chega á Coruña coa moral moi alta trala boa imaxe que ofreceron fronte ó Real Madrid na que lle prataron cara, pese á derrota, eso sí, pola mínima. En Riazor terá oportunidade de demostrar que a súa melloría de xogo non é unha cuestión coxuntural.

O Celta, pese a disputarse un venres, e ás dificultades atopadas para organizar viaxes por parte dos seus siareiros, estará ben acompañado en Riazor, na que acudirán perto dun milleiro de persoas desde Vigo (incluíndo membros desta Peña) ós que seguro que se sumarán moitos outros celtistas chegados desde outros puntos de Galicia.

A convocatoria do Deportivo é a seguinte: Aranzubia, Lux, Riki, Nelson, Camuñas, Salomão, Juan Domínguez, Alex, Ayoze, Insua, Manuel Pablo, Aythami, Silvio, Marchena, Assunçao, Abel Aguilar, Bruno Gama, Valerón e Pizzi.

E a convocatoria do Celta é a formada por  Javi Varas e Sergio Álvarez como porteiros, acompañados por Roberto Lago, Túñez, Oubiña, Jonathan Vila, Cabral, Demidov, Pranjic, Bellvís, Jonny Castro, Toni Rodríguez, Augusto Fernández, Orellana, Park, Krohn-Delhi, De Lucas, Bermejo, Aspas e Levy Madinda.

No partido de ida, Celta e Deportivo empataron a un goles no Municipal de Balaídos.

Se non podes viaxar á Coruña, podes acompañarnos nesta festa do fútbol en Cafetería Las Gradas (Avda. Fragoso, 92, fronte ó Estadio) onde lle daremos ós nosos moita calor e ánimos. Por que #XUNTOSCONSEGUIRÉMOLO

domingo, 10 de marzo de 2013

Celta 1 - 2 Real Madrid (A Crónica)

Ronaldo (esq.) a piques de tirar o penalti | Foto: Tomás Rodríguez
Derrota digna dun grande Celta, ante outro grande, como é o Real Madrid, por un gol a dous. O Celta que se viu neste serán non reflicte a súa clasificación na táboa clasificatoria, non alivia a situación dramática no tramo final de Liga, pero permite afrontar o derbi galego do vindeiro venres con optimismo.

Empezou o Celta moi metido no encontro. Proba deste dominio dos vigueses foi o feito de que o Real Madrid non tirou entre os tres paos hasta pasado o minuto 21 de partido.

Diego López, un dos destacados do Real Madrid, fixo tres intervencións moi meritorias nos primeiros minutos a tiros de Iago Aspas, en dúas ocasións, e de Álex López.

Pasados os minutos, o Real Madrid foi achegándose cada vez con máis perigo á área do Celta, con intervencións providenciais de Javi Varas, un dos mellores dos vigueses. Dous balóns de Benzemá, outro de Marcelo e outro de Callejón. Só un tiro de Cristiano Ronaldo pegou no largueiro. O tramo final do primeiro tempo foi de dominio dos brancos.

No inicio do segundo tempo, seguiu o dominio do Real Madrid. E así, no 61, chegaría o primeiro do Real Madrid, Ronaldo anotou tras un rexeite de Varas que aproveitou ben o dianteiro portugués. Os vigueses protestaron un posible fora de xogo.

Non se achicou o Celta e, dous minutos despois, gran xogada de estratexia dos celestes, centro ó área que recolle Aspas e remata á reviravolta tropezando o coiro en Pepe para rematar ó fondo das mallas.

Minutos despois, xogada desafortunada de Varas que sae cos pes diante de Kaká, derrubando ó xogador do Real Madrid e o árbitro pitou a pena máxima, mostrándolle o cartón amarelo ó meta sevillano do Celta. Ronaldo tirou desde os once metros facendo o segundo para o Real Madrid.

O Celta seguiu batallando o a partido convertiuse nun constante ida e volta no que calquera dos dous equipos poido ter anotado algún gol mais para os seus. Park, quen saiu nos derradeiros minutos de partido, tivo a súa no último minuto, cando estrelou no pao un centro de Pranjic.

Non poido ser, pero os vigueses deixaron bo sabor de boca e a esperanza de que xogando así, pódese conseguir a salvación en Primeira. Os vigueses son penúltimos, con 23 puntos, a só dous puntos do Zaragoza que ocupa agora o posto 17. Mentres, os madrileños agora son segundos, con 58 (trala derrota do At. Madrid esta noite).

FICHA TÉCNICA 

1-R.C. Celta: Javi Varas, Jonny, Demidov, Cabral, Roberto Lago, Oubiña, Álex López (Pranjic, min.55), Augusto, De Lucas (Mario Bermejo, min. 60), Krohn-Dehli (Park, min. 85) e Iago Aspas

2-R. Madrid: Diego López, Essien, Pepe, Albiol, Marcelo, Khedira (Alonso, min.46), Callejón (Kaká, min. 65), Modric, Ozil, Cristiano e Benzama (Higuaín, min. 65)

Goles: 0-1, min .61: Ronaldo; 1-1. min.63: Iago Aspas; 1-2, min.70: Ronaldo (de penalti).

Árbitro: Estrada Fernández, do comité catalán. Mostrou cartóns amarelos a De Lucas e Javi Varas, polo Celta, e a Albiol, polo Real Madrid.

Incidencias: Partido disputado no Estadio Municipal de Balaídos, ante 25.344 espectadores nunha tarde noite algo fría e na que choveu intensamente nos últimos minutos de partido.