Imaxe do Sevilla - Celta da tempada pasada | Foto: EFE |
Os sevillanos fan un xogo netamente ofensivo, cousa que queda ben reflectida nas súas estatísticas, ocupando o posto 11º na clasificación da Liga BBVA con 20 goles a favor e 24 en contra. Lembrar que, pese á derrota no Bernabéu, foi quen de facerlle tres goles ó todopoderoso Real Madrid.
O Celta chega tamén reforzado a Sevilla, pese á derrota en Vigo fronte ó Barcelona, pois está a facer un bo xogo desde o enfrontamento no Vicente Calderón (2-1 para o Atleti) e chegaba a aquel partido tras o 0 - 5 de Málaga. Malia derrota, foi quen de xogarlle de ti a ti ó Barça de Tata Martino. Ademais, o Celta conseguiu tódalas súas vitorias en Andalucía e esta pode ser unha boa oportunidade de refrendar o bo xogo feito.
O Celta necesita unha vitoria para saír dos postos de descenso que ocupa, trala derrota do martes en Vigo. Por iso, espérase que Luis Enrique non faga moitos cambios no once que saltará esta noite no estadio hispalense.
Convocatorias:
Unai Emery, adestrador do Sevilla, convocou ós seguintes xogadores para enfrontarse ó Celta: Beto e Javi Varas (porteiros), Diogo, Coke, Alberto Moreno, Fernando Navarro, Nico Pareja, Carriço, M´Bia, Cristóforo, Rakitic, Vitolo, Perotti, Trochowski, Jairo, Rusescu, Bacca e Gameiro.
Luis Enrique, adestrador do Celta, viaxou a Sevilla levando ós seguintes 18 xogadores convocados: Yoel e Sergio (porteiros), Hugo Mallo, Fontàs, Cabral, Jonathan Vila, Toni, Jonny, Oubiña, Augusto, Álex López, Rafinha, Kronh-Delhi, Santi Mina, Orellana, David Rodríguez, Nolito e Charles. Destaca a baixa de Costas, por gastroenterite, que se suma ás de Bermejo, Samuel e Aurtenetxe. Bellvís, pese a recibir a alta médica, non entrou na lista, o mesmo que Madinda.
Os precedentes nos enfrontamentos entre Sevilla e Celta no Sánchez Pizjuán son claramente favorables ós sevillanos, pois de 41 enfrontamentos entre ámbolos dous conxuntos, 30 foron vitorias hispalenses por só 8 vitorias olívicas. Nas restantes tres ocasións saldáronse con empates. Nestes 41 partidos, o Sevilla foi quen de anotar 89 goles e recibiu do Celta 40. A vitoria mais avultada no Sánchez Pizjuán foi a 7-0 que lle endosou na xornada 15 da tempada 1955/56. A temprada pasada os sevillanos venceron por 4-1.
Arbitrará Martínez Munuera, quen nunca pitou ó Celta como equipo visitante na Liga BBVA.
Podes acompañar a PREFERENCIA CELESTE na previa que faremos desde as 20:00 (CAFETERÍA LAS GRADAS, Avda Fragoso, 92, fronte ó Estadio -Mapa-).
Na nosa previa, poderás reservar e pagar a viaxe que faremos a Donosti o vindeiro venres 22 de novembro, para presenciar o Real Sociedad – Celta.
Tamén podes adquirir participacións do 01.923 para a Lotaría de Nadal. Ou a nosa bufanda conmemorativa do 90 aniversario do Celta. Por só 10 €!
E como sempre, o de sempre. Ala Celta!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario