domingo, 24 de febrero de 2013

Celta 2 - 1 Granada (A Crónica)

Resino dalle indicacións ós xogadores | Foto: Tomás Rodríguez
Importante victoria a que conseguiu hoxe o Celta fronte a un bo Granada, ó que lle venceu por dous goles a un esta tarde no Estadio Municipal de Balaídos, nunha fría, pero agradable tarde para a práctica do fútbol.

Con esta victoria cumpriuse novamente a máxima de "adestrador novo, victoria segura". Os siareiros do vello campo do Val do Fragoso nun deixaron de acordarse de Paco Herrera, e faron varias as pancartas que se viron dándolle as grazas ó ex adestrador do Celta.

No puramente deportivo, comezou ben o Celta ó que Abel Resino lle imprimiu o seu carácter, cun equipo que xogou presionando ós rivais e cunha defensa máis adiantada, pero que por fases pecou dos mesmos erros que xa tiña, coma no gol do empate. Non foron trocos dramáticos, pois a base do equipo era a mesma coa que xogaba Herrera.

Comezou ben o Celta, chegando á área do Granada con claridade, aínda que co paso dos minutos os andaluces foron posicionandose ben no terreo de xogo. No minuto 21, Augusto Fernández tirou a porta, rexeitando con gran acerto o meta Toño. O rechace o recolleu Aspas, que fusilou ó meta nazarí. Pouco lle durou a ledicia ós celestes, pois dous minutos despois, Ighalo fusilou a Varas en tiro de volea, tras un despiste defensivo do Celta.

Táboas no electrónico de Balaídos no descanso. E na reanudación, o Celta saiu cun xogo máis desordenado, cousa que aproveitou o Granada que chegaba á meta de Varas con máis claridade. A mais clara, un tiro ó traveseiro de Ighalo nos primeiros minutos da reanudación. Resino decidiu poñer no terreo de xogo a xente coa veteranía de De Lucas e Mario Bermejo, ademáis de aproveitar ó dianteiro cántabro nas xogadas por alto.

Festexando o segundo gol | T.R.
Saiulle ben a aposta ó técnico toledano, pois Bermejo anotaría o segundo para o Celta e, á postre, o gol da victoria. Centro á area granadina, que deixou de cabeza Aspas, para que Bermejo rematase en semifallo. Corría o minuto 80. O Granada non se achicou nos derradeiros minutos, buscando incesamente o gol que puxera novamente ás taboas no marcador, aínda que o Celta tamén buscou un gol que lle dera vantaxe no marcador particular entre andaluces e galegos. Ó final, dous a un, e victoria importantísima pola inxección de moral ós pupilos de Resino, tendo en conta, ademáis, os marcadores favorables ós intereses celtistas do resto de equipos implicados nos postos baixos de táboa clasificatoria.

Ficha do partido:

2-R.C.Celta: Javi Varas, Jonny, Cabral, Demidov (Jonathan Vila, min. 73), Roberto Lago, Borja Oubiña, Álex López, Augusto, Orellana (Mario Bermejo, min. 59) Krohn-Dehli (De Lucas, min. 63) e Iago Aspas.

1-Granada C.F.: Toño, Nyom (El Arabi, min.86), Mainz, Recio, Siqueira, Mikel Rico (Brahimi, min.83), Íñigo López, Nolito, Torje (Buonanotte, min.72), Aranda e Ighalo.

Goles: 1-0, min. 24: Iago Aspas; 1-1, min. 27: Ighalo; 2-1, min. 80: Mario Bermejo.

Árbitro: Muñiz Fernández, do comité asturiano. Amonestou a Orellana, Jonny, Demidov (polo Celta) e a  Recio, Nyom e Aranda (polo Granada).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 25ª da Liga BBVA, disputado no Estadio de Balaídos, diante de 18.418 espectadores. No descanso do partido leuse un manifesto co gallo do 150 aniversario da publicación de 'Cantares Gallegos', de Rosalía de Castro.

Final: Celta 2 - 1 Granada

Final en Balaídos, cunha victoria do equipo vigués por dous goles a un, tantos de Aspas e Bermejo. O gol andaluz, o do empate, foi obra de Ighalo.

Victoria importante que significa un bo comezo para o novo adestrador do Celta, Abel Resino.

sábado, 23 de febrero de 2013

Celta - Granada (A previa)

Granada e Celta na primeira volta | LOF
Estadio Municipal de Balaídos (17:00 horas) | Tralos acontecimientos vividos esta semana en Casa Celta coa (lamentable, polas formas) destitución de Paco Herrera e a chegada de Abel Resino ó banco celeste, volven a encontrarse Granada e o Celta e outra vez nunha situación importante, por delicada, para os vigueses.

Os andaluces buscarán afastarse definitivamente dos postos delicados da táboa clasificatoria, tendo unha grande progresión desde que Lucas Alcaraz se fixo cargo do equipo. O Granada é décimo cuarto, con 26 puntos, dos que exactamente a metade, 13, os conseguiu nos seus desprazamentos fora da casa, algo que terán que ter en conta os nosos.

Viaxaron a Vigo os seguintes xogadores: Roberto e Toño, na portería, ademáis de Juanma Ortiz, Siqueira, Nyom, Íñigo López, Diego Mainz, Borja Gómez, Iriney, Recio, Mikel Rico, Brahimi, Buonanotte, Torje, Nolito, El Arabi, Aranda e Ighalo. Quedaron na capital andaluza por lesión, os xogadores Yebda, Diakhaté, Fran Rico e Dani Benítez e por decisión técnica Lucena e Brayan Angulo.

Mentres o Celta convoca a tódos os seus xogadores disponibles, quedando únicamente fora da lista por lesión Túñez, Samuel e Hugo Mallo. Non se espera que Abel Resino faga moitos cambios no sistema de xogo dos vigueses e ademáis así o manifestou públicamente. Se acaso, si introducirá trocos en canto a intensidade e xa estivo ensayando cos seus xogadores en xogadas de estratexia, un punto flaco dos celestes.

Os vinte convocados por Resino son Javi Varas e Sergio Álvarez na portería, ademáis de Lago, Jonny Castro, Gustavo Cabral, Borja Oubiña, Vila, Álex López, Pranjic, Demidov, Bellvis, Toni, Augusto Fernández, Natxo Insa, Krohn-Dehli, Mario Bermejo, De Lucas, Fabián Orellana, Park e Iago Aspas.

O Celta ocupa a posición antepenúltima, con 20 puntos. No partido de ida, xogado na xornada 6, o Granada venceu ó Celta por 2 a 1. Arbitrará o asturiano Muñiz Fernández.

Desde Preferencia Celeste queremos, se cabe mais agora, adherirnos á solicitude do clube de unir afección e equipo nestes momentos delicados para o Celta. Lembramos que no Estadio, coa axuda do speaker, se corearán os nomes dos xogadores, e se cantará o himno a capella cando salten ó campo os xogadores. #XuntosConseguirémolo

A previa farémola na Cafetería Las Gradas, a partires das 16:00 (Avda. Fragoso, 92, fronte ó Estadio) desde onde partiremos ó campo.

E como sempre, o de sempre. Ala Celta!!!


viernes, 22 de febrero de 2013

Carta aberta de Preferencia Celeste a Paco Herrera

Querido Paco:

Foto de marca.com

Dende Preferencia Celeste, e cremos falar por toda a afección, grazas por todo o traballo feito neste tempo ó cargo do Real Club Celta.

Cómo non agradecerche todo o feito nestes anos. Co teu traballo, co teu esforzo, coa túa suor.

Tantas alegrias, tantas emocións, tantos momentos unindo á afección...

Nun clube coma o Celta no que pasan innumerables persoas: xogadores, adestradores, presidentes... pero no que se mantén inalterables son a afección e o propio clube; ti non serás unha persoa máis, non caerás no esquecemento desta afección. Cos teus acertos e tamén cos teus erros conectaches enseguida coa xente e lograches formar un grupo humano que nos voltou a crer neste equipo e a vivir este sentimento celeste con mais forza que nunca. O ascenso logrado o ano pasado fará que non podamos esquecer nunca a túa presencia neste clube.

Agora se separan os camiños do Celta e o teu propio, e non podemos máis que desexarte a maior das sortes nos teus futuros proxectos. Perdemos un gran adestrador, pero gañamos a un amigo, e, como ti mesmo tes dito, un socio e un celtista mais.

Sempre levarás o Celta no corazón e nos sempre te levaremos a ti no noso.

Por tanto que nos tes dado, grazas.


 
Vídeo homenaxe de CeltaTV

jueves, 21 de febrero de 2013

Sangue Celeste: Doazón de sangue (mañán venres)

Desde a Federación de Peñas se solicita a colaboración de toda a familia celtista para doar sangue, para as persoas que máis podan necesitalo, que pode ser calquera de nós.

Mañán venres 22 de febreiro, unha unidade do Centro de Transfusión de Galicia trasladarase ós baixos do Estadio Municipal de Balaídos, entre as 15:30 e as 21:00 horas. A tódalas persoas que se acheguen se leverán unha camiseta e unha piruleta de balde.

Para este sinxelo e rápido acto, hai que ser maior de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e ter boa saúde. Se precisas más información, podes chamar de balde ó teléfono 900 100 828 (de 8 a 22 horas) ou na propia unidade móbil. También tes información no sitio web do Centro de Transfusión de Galicia.